Lugar: Mosquete (Boiro)
Piscinas naturais de Mosquete, en Boiro |
Para chegar ata alí non fai falta unha longa andaina. Deixamos o coche na aldea de Mosquete, e collemos unha das pistas forestais.
Era a última hora da tarde, o sol poñíase, e a luz non podía ser mellor.
Desa pista forestal hai que desviarse a outro sendeiro á esquerda, xusto cando da outra man aparece a calzada medieval de Vitres.
E aos pouco minutos de comezar a andar, xa divisamos as piscinas. O certo é que o entorno non é o mellor, xa non só pola flora (malditos eucaliptos!), senón polos destrozos que por alí había, con montóns de ponlas secas dalgunha corta.
Explorando a zona o primeiro que chama a atención son dúas construccións.
Por unha parte os restos dun muiño de auga, que polo menos neste verán tan seco tiña a canle seca. É curioso observar como está metido na ladeira, sen que se vexa a típica conducción que desvía a auga cara a súa turbina.
A outra construcción que chama a atención son os dous "muros" que pechan o río, e aí si que deixamos voar a imaxinación pois o máis probable é que sexan os apoios dunha ponte, e como o camiño vai a empatar coa calzada medieval, xa nos imaxinamos o vello percorrido da mítica calzada, da que se contan diversas orixes, usos e restauracións.
O verán tan seco que tivemos reduceu o río a súa mínima expresión, unha pena!
Agora os carballos comparten espacio con acacias e eucaliptos, pero hai uns anos a paisaxe debía de ser fermosísima.
Como podedes comprobar, son moito máis espectaculares as piscinas de Cures, pero eh, nunca está de maís descubrir outros recunchos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario