Fervenza de Cadarnoxo - Balcóns do Iroite

Data: 11 de febreiro de 2017
Lugar: Boiro - Serra do Barbanza
Lonxitude: 11'5 km
Desnivel acumulado: 420 metros
Dificultade: Fácil

Fervenza de Cadarnoxo
Pequeno roteiro que nos leva dende a coñecida fervenza de Cadarnoxo, en Boiro. aos balcóns do Iroite, no alto da Serra do Barbanza.

Deixamos o coche á beira da fervenza de Cadarnoxo, na parroquia boirense de Cures, dende onde comezamos a ruta que nos levará ata o monte Iroite.

A fervenza de Cadarnoxo é unha das fervenzas máis populares da zona, e cando estás ao pé dela decátaste do porqué. E logo de que os diversos temporais da semana anterior descargaran toda a auga que non caera no resto do inverno, estaba aínda máis esplendorosa.


Logo de contemplala e inmortalizala, comezamos a ascensión a partes altas da Serra do Barbanza. Primeiro pisando algo de asfalto, pero axiña o cambiaríamos por pistas de monte.


Estas pistas entre eucaliptos non teñen moito interés, pero a medida que imos subindo van trocando por árbores autóctonas que fan o camiño máis agradecido.



Temos que dicir que as zonas de interese desta ruta son o punto de saída e o tramo final, sendo a parte intermedia entre un e outro lugar un mero trámite.


O sinal de que estamos chegando a partes elevadas é atoparse cos típicos cabalos que poboan esta zona.


Sen dúbida, aquí comeza o bo da serra: pastos entre pinos vellos, fauna local... Unha pena que a maior parte destes montes estea tan urbanizados: pistas, eólicos...


Cruzamos a estrada que chega ata a base militar. Alí hai unha zona que se utiliza como aparcadoiro e de onde xurden dous camiños cara ao monte. Botamos a andar polo da dereita, unha ampla pista que incluso utilizan algúns coches.


Non deixamos de atoparnos con bestas, moi tranquilas e acostumadas ás persoas, aínda que preferimos non molestalas moito.


Desviámonos da senda para ascender un pequeno montículo que nos permite disfrutar dunha panorámica de toda a Ría de Muros e Noia.


Descendemos ata a característica e icónica caseta do Iroite, que tanto se presta a ser instagrameada.


Dende alí, volvemos contemplar de novo as vistas sobre a ría de Muros e Noia: o Monte Louro ao fondo, Serra de Outes e Noia.


Queríamos inventar algo para subir ata a cota máxima da Serra do Barbanza, os 685 metros do monte Iroite pero, como saímos de tarde, estabamos co tempo enriba e non quixemos arriscar.


Así que volvemos sobre os nosos pasos, abandonando a caseta polo camiño que leva direito ata a estrada, e logo dando un pequeno rodeo seguindo outra ruta de Wikiloc. 


Nos waypoints desa nova ruta seguida para a volta, indicaba que había unha pequena fervenza e outro lugar con boas vistas sobre a ría de Arousa. A realidade foi un pequeno salto de auga sen chicha ningunha e unhas vistas que tampouco xustifican ese rodeo.


Iso si, quedamos abraiados cos efectos dos temporais de días atrás: unha gran árbore arrincada de raíz que coa súa caída tumbou o que atopou ao seu paso.


E sen máis, chegamos de novo ao punto de saída: a fervenza de Cadarnoxo.
Rutiña curta e sinxela, que valeu para quitarlles a ferruxe ás pernas logo de demasiado tempo sen saír por aí. Darémoslle unha volta e faremos outro percorrido que nos suba ata a cima do Barbanza ;)

Ningún comentario:

Publicar un comentario