Val das Mouras

Data: 20 de maio de 2017
Lugar: Serra do Courel

Buscando a saída dunha das dolinas máis grandes.
Última xornada na Serra do Courel, decidimos facer un plan menos intenso que o dos días anteriores. Oíramos falar da rareza do Val das Mouras, e sen investigar moito máis alí fomos.

Deixámolo coche onde puidemos, á beira da estrada que sube ata a aldea de Mercurín, e adentrámonos no souto da marxe dereita. Nun principio parece un bosque de castiñeiros sen máis, pero non tivemos que avanzar moito para dar coas primeiras formacións calizas...


Estas curiosas formas débense a que a auga excavou nesta zona de caliza surcos e covas, que se viñeron abaixo dando lugar á paisaxe actual. Estas formacións coñécense como dolinas, e son inusuais en Galicia.


Grandes paredes de caliza levántase ante nós, mentres os castiñeiros medran a distintas alturas entre as pedras. O musgo tamén quere ocupar o seu espacio, e a humidade parece favorecerlle. Aqui as lianas forman un muro natural neste desplome.


No noso afán de exploración animámonos a meternos en todos os covos e trepar por algunha das rochas: a veces pagaba a pena, outras tiñamos que dar media volta. Era todo tan laberíntico que xa non sabíamos onde estivéramos e en que dirección nos estabamos desprazando.


Aínda non sei ben como nos demos metido por algúns sitios! E cando nos decatábamos... "eh, aquí non estivemos xa?" De feito, chegou un momento no que, sen querelo, fomos dar á estrada onde comezamos!


Pero non todos os teitos se viñeron abaixo. Aínda queda algunha pequena cova coma esta, nas que hai que arrastrarse un pouco para exploralas.


O lugar ten moita maxia, costa crer que sigamos en Galicia!


Como de costume, fomos gravando o track gps; o lugar é pequeno, pero tan complexo e laberíntico que é moi difícil velo todo. E para mostra, a captura do OruxMaps 😂😂


Hai un sendeiro máis marcado, pero realmente o mellor e meterse e explorar e ver onde che levan os caprichos desta singular paraxe, apretada entre caliza e castiñeiros.

Ningún comentario:

Publicar un comentario