Ascensión a Pe do Cabril (1236m) pola Junceda

Data: 27 de novembro de 2016
Lugar: Peneda - Gerês
Lonxitude: 13'4 km
Desnivel acumulado: 680 metros
Dificultade: Difícil
Track: Wikiloc

O impoñente Pé do Cabril, o noso particular Pedraforca ;)
No segundo día polo Parque Nacional Peneda - Gerês quixemos probar co pico Pé do Cabril, aproveitando que nos quedaba preto da zona onde nos aloxamos, no Campo do Gerês. Trátase dunha elegante forca de granito, con duas puntas separadas polo collado de acceso, que nos chamou moito a atención cando estivemos vendo fotos do lugar.

A idea inicial era chegar co coche ata a caseta do garda, xa que en diversas recensións leramos que se podía comezar por alí. Sen embargo, a pista forestal que ata alí chegaba non era moi recomendable para o noso carro (si válida para todoterrenos, por exemplo), polo que tivemos que deixar o coche xusto onde remataba o asfaltado e comezaba o camiño de terra.


Este tramo sumáballe uns kilómetros máis ao percorrido, algo que nos rallou un pouco xa que non contabamos con moitas horas de sol, momento para recordar a importancia de madrugar (que nos quixemos eh, pero no hotel non nolo puxeron fácil).
Segundo as nosas contas, a cousa andaríalle xusta.


Ao comprobar que esta parte do camiño engadida a maiores non tiña pérdida, tranquilizámonos un pouco: se había que andar con pouca luz non había fallo.

En canto puidemos, achegámonos a algún saínte para observar as vistas. O certo é que o día abreu pechado e incluso nos caeron catro gotas ao principio... Xa nos temíamos que nos chovera toda a ruta como o día anterior!


Foi chegando xa á casa do garda cando nos cruzamos con dous ciclistas con ganas de leria e un pouco dramitas. Ao dicirlles que nos dirixíamos ao Pé do Cabril, respostaron que quedaba moi lonxe e era moi complicada a súa chegada ata alí.
Pero escapámoslle antes de que nos desanimaran.

Cos abetos e demais especies as que non estamos acostumados, a paisaxe dase un aire a Canadá.


Chegamos á casa do garda de Junceda, onde unha sinal indica o roteiro que leva ás "silhas dos ursos", que comparte percorrido co noso.


Aquí a pista forestal transfórmase nun sendeiro máis agreste que atravesa un pequeno bosque.


Deixamos atrás o bosquiño e un metros despois, atopámonos cun cruce de rutas. Escollemos o da dereita, que indica dirección ao Pé do Cabril.



Sen présa pero sen pausa (bueno, algo das cousas cousas houbo...), imos collendo altura.
A subida ata ese momento vaise levando máis que ben.


Chegamos a un prado dos típicos da zona, co seu curral e as súas brañas.


Abandonamos as brañas para continuar a ascensión.


E por fin, divisamos o gran obxectivo do día!!
O certo é que impoñía bastante e nese momento pensei "nin de broma vou dar subido eu aí...!"


E xa na faldra do Pé do Cabril: comeza o interesante!


O camiño vaise apicuando, e é mellor non pisar moito nas laxes lisas e húmidas.


Ao "guía" da ruta (Anxo, porque levaba Oruxmaps) puidéronlle as ansias e xa quixo atacarlle ao pé do Cabril polo primeiro sitio que veu. Subidos uns metros, desistiuse nesta intentona, volveu o sentidiño, e baixamos de novo ao camiño marcado.


Este senda bordeaba o Pé de Cabril ata a parte noreste, onde comezaba o verdadeiro ascenso, volvéndose moi pronunciado e facendo zetas.
O camiño atravesa un buraco entre as pedras, por onde nós e as nosas mochilas colleron malamente (a foto e da volta), tendo que gatear nalgún punto.


Nesta parte alta chegamos a atopar alguns restos de neve, e houbo quen quixo iniciar unha guerra... Pero como tiñamos o tempo enriba, quedou pendente para outra e seguimos coa forte ascensión, que nalgún tramiño ata pediu botar as mans.


Así alcanzamos o cumio pequeno do Pe de Cabril, no que nos axudamos dunhas grapas para pisar a gran mole de granito.


E alí estabamos, a máis de 1200 metros de altitude, onde a sensación de cumio era extraordinaria, así como a vista panorámica que se podía contemplar.


Vista do cumio grande dende o pequeno e viceversa. Sodes capaces a alviscarnos?


Anxo animouse a subir ata o outro pico, o máis alto dos dous que forman este dobre cume. O ascenso ao outro cumio comeza cunhas grapas sinxeliñas para logo pasar por outra fenda na pedra. A saída desta é o punto máis delicado da ruta pois, polo menos mollado, era un sitio esvaradizo e con patio, aínda que cun pouco de tento pásase sen maior problema.


A panorámica dende o cumio principal (1236m) era un luxazo, co pequeno en primeiro plano e o embalse e os cumios nevados ó fondo.


E logo tan só quedaba desandar o andado polo mesmo camiño.
Eso sí, co bo sabor de boca dos deberes feitos e ata algo subida a adrenalina.


Aínda que a fame xa apretaba desde facía un anaco, decidimos buscar un lugar axeitado para xantar. Escollemos a casa do garda de Junceda, sitio cómodo onde sentarse...


...e rodeados dun bosquiño moi outonal.


Á volta, aproveitamos para parar no mirador que hai preto da casa do garda, e que nos ofrece vistas a todo o val. Puidemos comprobar como se marchara boa parte do neve que víamos a primeira hora da mañá nas montañas máis altas.



Os últimos kilómetros coincidiron co solpor, o que lle dou un toque especial a toda a paisaxe, moi diferente ao da mañá.


Esta ruta encantounos: aínda que o primeiro tramo por pista forestal sexa un pouco meh, todo o que vén despois da Junceda está xenial. E o cumio, pese a modesta altura, ten un aire bastante montañeiro, con grandes caídas aos lados, algún tramiño con patio, e unhas vistas das de quitar o alento.
En canto á dificultade, dicir que é sinxelo para calquera persoa acostumada a andar polo monte, e que só hai que andar con tento se, coma no noso caso, a rocha esta mollada.

Ningún comentario:

Publicar un comentario