Fervenzas de Raxoi en Valga

Data: 23 de abril de 2016
Lugar: Valga (Pontevedra)
Lonxitude: 5 km
Desnivel acumulado: 500 metros
Dificultade: Fácil 
Track: Wikiloc 

Fervenzas de Raxoi
A costa atlántica de Galicia non ten moitos montes "bonitos" ou grandes cumes, pero o que non lle falta é auga. Así que haberá que aproveitar este feito, e dar conta de fervenzas, ríos e pozos que haxa por aquí. Wikiloqueando un pouco, demos cunha pequena ruta que leva ás Fervenzas de Raxoi, no concello de Valga.

Como fomos en varias ocasións pola zona, mostramos fotos de diferentes días. De aí os fallos de "racord" na luz e na vestimenta. 😉

O roteiro parte preto da aldea de As Laceiras, collendo unha pista forestal. Ao pouco, atopámonos por primeira vez co río Valga, o cal tivemos que cruzar por unha pequena ponte de pedra.


O río Valga nace no monte Xesteiras, para logo adentrarse nun val que el mesmo formou, ata desembocar no Ulla.


Unha pequena parte do camiño transcorre por pista asfaltada pero, por sorte, o camiño perde urbanización a medida que avanzamos


Pinos a bosque atlántico dominan aquí, con pouca presencia de Eucalipto.


Existen varios sinais que indican como chegar ata as fervenzas. O último tramo é o máis difícil tecnicamente falando, cunha baixada que se empina un pouco, pero nada doutro mundo. Para a volta, descubrimos unhas escaleiras que nos terían feito esa baixada algo máis cómoda.


E xa de cheo, unha das fervenzas de Raxoi, que ademáis de ser bastante chula de por si, o entorno tamén lle favorece moito, con tódalas pedras e árbores cubertas de musgo debido á humidade.


A min parecíame estar en "El bosque animado".


O musgo cobre cada recuncho. Nesta zona encaixada do val, o río Valga descende ata 50 metros nunha distancia de só 200 m.


A zona tan rochosa, rodeada polo monte Cerquido, prestábase a curiosear.


Chegamos ao único punto reseñable da ruta: descender por unha placa inclinada. A caída é moi pequena, pero haberá quen se atranque neste paso. Á subida é máis fácil.


Logo descéndese por unha escaleira que nos leva a transitar por unha pasarela.


Logo de descendela, chégase a unha pequena fervenza, que nese día baixaba en forzas seca despóis dun ano tan escaso de choivas.


A paraxe dende logo que ten o seu aquel. Destaca a piscina natural que se forma baixo o salto de auga, e que invita ao baño a pouco que aprete a calor.



Estamos nos dominios do domingueo: unha enorme pasarela evita calquera dificultade e conduce directamente a un aparcamento, o cal explica a abundancia de plásticos tirados. 


Hai que decir que polo menos a pasarela é bastante estética e intégrase mellor na paisaxe que outras cousas que temos visto, aínda que, na nosa opinión, estaría mellor sen ela.


Na parte baixa atopamos outro muiño que conserva o reducio (a turbina que move a auga)


E neste punto dámonos volta despois de explorar un pouco. Polo camiño da esquerda é por onde viñemos e por onde iremos de volta. O da dereita conduce ao aparcamento do que falamos antes e o que queda cara adiante levanos ata a aldea de Raxoi.


Así pois, esta é unha ruta curtiña e que no seu comezo parece non ter moito xeito, pero a medida que nos achegamos á zona das fervenzas gaña interese. Como xa dixemos, esta última parte é accesible en cinco munitos dende Raxoi ou dende o aparcamento situado na marxe esquerda do río, polo que, quen teña gañas poucas gañas de andar ou dispoña de pouco tempo, pode aforrarse a primeira parte.

Ningún comentario:

Publicar un comentario