Remontando o Río Te ata a fervenza do Pozo Bastón

Data: 24 de abril de 2016
Lugar: Río Té (Rianxo)
Lonxitude: 12 km
Desnivel acumulado: 200 metros
Dificultade: Fácil
Track: Wikiloc (seguida por nós)

Fervenza do Pozo Bastón
Se hai unha paraxe con maxia e lenda en Rianxo, esa é a fervenza de Pozo Bastón, na parroquia do Araño. Achegámonos alí camiñando pola beira do río Té dende o seu curso baixo.

Aproveitando o día solleiro e primaveral, e na compañía duns amighotes, decidimos visitar a mítica fervenza do Pozo Bastón. O camiño máis curto parte da aldea de A Hermida, pero como isto nos ía saber a pouco, decidimos percorrer boa parte do río Té.
Nesta ocasión, e sen que serva de precedente, deixamos un coche no Araño (na Ermida) para a volta, xa que só a ida son 12 km e volver outros tantos polo mesmo sitio podíasenos facer cansado, longo e monótono.
Outro coche quedou no polígono industrial de Té, preto do lugar de partida. Dende alí baixamos ata o río, ao lugar coñecido como "O Cocón", un lugar que xa presta visitar en si, e tamén darse un chapuzón nalgún día de calor.
Foto de equipo, go, go, go!


No cocón adoita haber unha corda para saltar ao rio, unha rampa, e algunhas veces atopaste pontes "caseiras" coma nesta ocasión.


O que fixemos nesta ruta foi, basicamente, remontar o río Te, primeiro pola súa marxe dereita, seguindo a senda marcada. As primeiras impresións eran boas, e os escépticos que pensaban que o río rianxeiro non tiña moito flow, comezaron a cambiar de opinión...


Pouco despois, o camiño cruza o río a través dunha ponte de madeira. Continuamos polo sendeiro claramente marcado, mentres nos deleitabamos coa paisaxe.


O mellor da ruta quizáis sexa ver como o río se vai transformando, as veces obrigado polas antigas presas dos muiños, outras formando illas e meandros de forma natural.


Volvemos cruzar cara a marxe dereita. Durante un treito tivemos que camiñar entre unhas leiras, onde botamos moito de menos a sombra das árbores... Maldito sol de abril!


Pero a maior parte do camiño transcorre así, baixo a sombra de ameneiros, loureiros, carballos e, como non, algún eucalipto.


As represas feitas para desvíar auga cara os muiños fan que o río se remanse e espelle antes de saltalas.


Ao longo do traxecto atopámonos con varios muiños que, cubertos pola maleza, nos trasladaba a outra época. Ou a The Walking Dead.


 Algúns son pequenos, pero outros eran auténticas vivendas con baños e demáis servicios.




A ruta fainos abandonar temporalmente o río para andar un cacho pola estrada do Araño, pero será só durante un breve anaco, para volver a sumerxirnos no bosque de ribeira.

Máis adiante chegamos a unha ponte, na que as marcas de pintura semellaban levarnos cara estas construccións, pero en realidade a ruta prosigue pola marxe dereita do río.


Os muiños, en diferente estado de conservación, acompáñannos durante case todo o percorrido, pero creo que este foi o último que vimos.


Varios pequenos afluentes quedaron xa atrás e o que antes era un ancho río agora mostrase como un regato que se pode cruzar dun salto en certas zonas.


O camiño ía collendo altura, cun par de costas que tirou das pernas (que rápido se acostuma unha ao chan). O obxectivo cada vez máis preto, e o sol cada vez máis enriba nosa, pegando máis duro.


O roteiro cruza a aldea da Ferrería, e aproximadamente un quilómetro despóis, divídese. Non temos foto (fail), pero a alternativa da dereita cruza unha pequena ponte de pedra e leva ata o pico Muralla. Para chegar ao Pozo Bastón o mellor é coller o da esquerda, que xa comeza en costa, bastante empedrado e, ese día, cheo de agua. Cando comeza a chanear, metémonos nun estreito entre silvas e fentos.


Dende alí temos que estar atentos xa que á nosa dereita estará o último tramo, a baixada á fervenza do Pozo Bastón.


BOOM! Chegamos! Fervenzas do Pozo Bastón. Mola, eh?



O mellor é, unha vez aquí, subir ata a parte de arriba da fervenza, onde hai un bo sitio para sentarse, comer, e escoitar a lenda do Pozo Bastón.


No track que seguimos marca 800 metros de desnivel, trátase dun erro do GPS xa que a altura máxima (onde se atopa Pozo Bastón) é de apenas 200 metros, e o recorrido non conta con apenas altibaixos.

Visita obrigada se es rianxeir@, pero tamén se estás de visita polo Barbanza!

2 comentarios:

  1. Que preciosidade! Teño unha visita pendente, teño familia en Araño e imos a facer a ruta nun par de semanas, que ganiñas!

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Seguro que che gusta, o meu lugar favorito de Rianxo!! (Aínda que con esta sequía, igual non pillas a fervenza no seu mellor momento...)

      Eliminar