A lagoa de Rianxo

Data: 22 de maio de 2016
Lugar: Rianxiño (Rianxo)

A lagoa de Rianxo? Como? Onde? Desde cando? Que fumastes?
Keep calm: non, Rianxo non ten ningunha lagoa. Oxalá! Pero si ten algo que se lle asemella bastante...

A suposta lagoa de Rianxo

Non vou prolongar o misterio: trátase da canteira de Rianxiño, que coa chuvia se enche de auga. Chegar ata alí é ben fácil: tan só hai que subir a costa á man esquerda do instituto ata que ésta se bifurca e coller entón o camiño da dereita ata que o asfalto acabe. Alí vólvese bifurcar en dúas pistas de terra e, no medio delas, atopamos dúas pedras que taponan unha senda menos visible. Ese é o camiño a seguir.


Seguimos ese camiño, bastante marcado, ata que ao cabo duns 150 metros e logo dun pequeno xiro á dereita, damos coa lagoa.


Moito máis grande do que nos imaxinabamos. Grata sorpresa!


Intentamos bordear ese gran estanque, pero algunhas zonas dos arredores estaban moi embrañadas. Supoño que isto dependerá moito das chuvias dos días anteriores, igual que co tamaño da lagoa, que ao non recibir auga de ningún río variará moito segundo as precipitacións.


Este lugar é o paraíso das rás. É a súa época de apareamento, e por momentos os sons que emitían eran ata atronadores.


Deixamos un pequeno vídeo cos sons :)


É sorprendente como a natureza se apropiou da zona, ou mellor dito, como recuperou o que era seu. En canto á fauna, non só abundaban as rás, tamén moitos insectos, desde mosquitos, cabaliños do demo e libélulas, e incluso algunha ave acuática!


Vale. Non é unha lagoa de montaña. Nin sequera é unha lagoa natural. De feito, nin sequera é unha lagoa. Pero dá o pego, eh?


A verdade é que ata fai pouco non tiña nin idea desta transformación da canteira, e iso que a teño ao carón da casa. O descubrimento do ano!

Deixamos aquí a ubicación de Google Maps, para que non haxa pérdida.

Ningún comentario:

Publicar un comentario