Peña Ubiña (2417m) dende Torrebarrio

Data: 15 de xuño 2017
Lugar: Parque Natural de Las Ubiñas y la Mesa.
Lonxitude:  11 km
Desnivel acumulado:  1200 metros
Dificultade: Moderada.
Track: Wikiloc


O grupo dos Fontanes á esquerda, Peña Ubiña á dereita.

Facía tempo que levabamos falando desta montaña, e de tanto cavilar acabouse convertindo no gran obxectivo do ano: Tratáse da montaña máis espectacular e alta á que lle metemos man ata o de agora.

O día anterior empregámolo en facer a viaxe e achegarnos ata a zona para visitar o Desfiladero de Los Calderones con tranquilidade, e irnos cedo a durmir nun hostal de San Emiliano. Pero non sen antes ver como por riba das casas, das montañas circundantes e de todo o demáis sobresáe a mole da Ubiñona. Aló arriba que vamos tentar chegar!



Nas noticias falan de que a vaga de calor vai apretar máis aínda, e como o desnivel é considerable decidimos poñer o espertador para as 5:00. Coas gañas as 5:30 xa estamos saíndo do coche en Torrebarrio. Levamos frontal, pero co ceo despexado e a lúa, xa case chegaba para avanzar pola pista de terra coa que comeza a ascensión.


Pero ao pouco tempo sentimos un ruído entre as herbas e sáenos cortando o paso un enorme mastín. Quédase no medio do camiño e ladra e rosma, polo que probamos a desandar un treito e ver si se vai. Queremos aprobeitar para almorzar, pero mentres nos poñemos a quitar a comida das mochilas vemos de reollo como o can, que debeu de ver moitas películas de terror, aparece recortado contra a luz da lúa e comeza a oubear. Xa un pouco desesperados e temendo que se nos torcera o día baixamos outro cacho, e despóis dun ratiño por fin sentimos como o animal continúa o seu camiño deixándonos libre o paso. E nesto que o día xa comeza a clarear. Tanto madrugar para perder así o tempo!


De momento a pista ofrece unha pendente sorprendetemente lixeira, e avanzamos a bo ritmo. Pola dereita asoma a Ubiña Pequena, e no medio das dúas está o Collado Ronzón, que é a onde nos diriximos.


Entre longas lazadas imos gañando altura, achegándonos á parede oriental da Ubiña.
Neste punto abandoamos a pista e subimos pola ladeira de herba buscando un sendeiro, que xa nos conducirá ata o Ronzón.


Toda a arista dos fontanes debúxase coma unha muralla contra o mencer.


A pendente danos unha tregua nesta campa, salpicada de grandes bloques que seguramente se traten de derrubios que aterrizaron aquí.


Pasamos por unha cómoda pedreira achegándonos a golada e vendo a Pequena máis preto xa.


O sol de mencer fai que a estampa da Ubiña Pequena sexa de postal!


Unha paradiña para retomar alento...


Xa case na golada detémonos para fixarnos na sombra piramidal que proxecta Ubiña, e recurrimos ao manido tópico ese do "que pequeno se sinte un..."


E por fín alcanzamos o ronzón (1937m). Levamos uns 700m de desnivel e aínda quedan case 500 ata o cumio.


Sorteamos o valado do gando por unha abertura que ten e disfrutamos por primeira vez das vistas cara o leste. Aquí cóase un pico entre as dúas Ubiñas que supoñemos que é Peña Cerreos.


A pendente apreta máis que antes e o sol comeza a picar un pouco.


Equivocámonos un pouco de camiño de logo tivemos que subir a máxima pendente para correxirnos. 


E ao virar a vista atrás, collenos case de sorpresa a estampa da ubiña pequena, que agora que temos perspectiva se mostra tamén como unha boa pirámide caliza.


Imonos achegando a zona rochosa, comeza o bo!


Acábase o sendeiro por campa herbosa e comezan as trepadiñas. Todo este treito ata sair a arista é do mesmo estilo: é necesario axudarse das mans para avanzar pero non hai nin exposición, nin patio nin sensación de perdigo algunha, máis que un compañeiro tire sen querer algunha pedra.


Quizáis este sexa o paso máis reseñable, pero non ten maior problema e case parece peor na foto que na realidade.


Cando planeamos a ruta estivemos lendo en internet recensións de ascensións, e en todas aparecía a brétema cubrindo a parte Asturiana. E así foi durante toda a nosa estancia pola zona, cumplindo o programa coma un reloxo!


Aínda que de primeiras poda parecer un caos, hai un camiño bastante ben definido con hitos e algunhas marcas de PR.


E chegamos a cresta de Ubiña! É ancha e cómoda, sen risco de caída, pero é un espectáculo andar con panorámica polos dous lados.


Aquí adivínase a parte máis estreita, e incluso é evitable andando un pouco máis pola esquerda


O pouco xa temos a tiro de pedra o cumio co vértice sobresaíndo.


E despóis da última rampa, chegamos a cima!! Conseguimos así un novo "teito" persoal e atopámonos, ademáis do vertice xeodésico, un montón de placas en recordo de xente que se quedou aquí, especialmente en inverno.


As vistas en 360 graos son case inacabables xa que dominamos todo entorno en altura salvo polos veciños Fontanes. Detrás Asturias tapada coa sábana branca.


Selfie que nos fixemos cun montañeiro vasco que subía só e do que nos fixemos compiyoguis. Descendemos boa parte xuntos e acabamos tomando unhas cañas en San Emiliano.


Un acercamento á cresta do siete, pasu malu e demáis...


A Almagrera, a Mesa e a Tesa, cumios que dende aquí case se podería decir que parecen pouca cousa...


Logo de pasar un bo anaco no cumio, non quedou máis remedio que despedirse de Ubiña e descender todo o ascendido. Impoñíanme un pouco os pasos que xa na subida foran "delicados", pero ante a dúbida: cú á pedra e todo solucionado.

E así nos imos deste impresionante cumio! Enseguida nos volveremos a xuntar co noso amigo vasco e perderemos altura rápidamente, pois o sol estabanos machando moi forte. As 14h estabamos de volta en Torrebarrio e o sol, pese a protección e demais, xa fixera das súas.


Qué decir neste caso! Unha das actividades top do noso currículum, e nun día con meteoroloxía boa (ata excesivamente boa). Trátase dunha ruta ben coñecida, pero que no noso caso disfrutamos case a solas. Agora a pensar na seguinte gran cota!

Ningún comentario:

Publicar un comentario