Picos Albos e Lagos de Saliencia

Data: 16 de xuño 2017
Lugar: Parque Natural de Somiedo (Asturias)
Lonxitude: 10km
Desnivel acumulado: 780m
Dificultade: Media
Track: Wikiloc


Picos Albos sobre o Lago Cerveriz 
Somiedo quedábanos preto de Babia, e non podíamos perder a ocasión de coñecer esta zona. Así que realizamos unha ruta circular na que coñecemos os seus lagos e subimos aos Picos Albos, un par de dousmiles cunhas vistas privilexiadas.

Comezamos esta emblemática ruta no alto de La Farrapona, linde entre León e Asturias.


Coas primeiras luces botamos a andar por un cómodo e amplio sendeiro camiño dos Lagos de Saliencia. Así de primeiras, Somiedo recíbenos con este camiño a carón duns cortados. O día promete!


Ao pouco, o terreo cambia e chegamos á zona do primeiro lago.


 Así é a primeira vista de Lago de la Cueva! Ao final do día voltaremos polo cordal de atrás.


O lago está completamente rodeado por montañas...


As zonas vermellas é donde se removeu a terra, pois houbo moita minería na zona. Os puntillos negros cremos que son chobas!


Imos collendo altura e deixando o lago cada vez máis abaixo.
As vacas pacen tranquilamente ao noso redor e incluso distinquimos un rebeco correndo ao lonxe, a unha velocidade pasmosa.


Volvemos a fixarnos no Lago de La Cueva, e é que resultará ser o noso preferido de todos os de Saliencia.


As pistas abertas para servir as minas fpermiten que nos movamos rápido por esta zona.


Buscábamos a Laguna de la Mina, pero atopámola seca de todo.


Agora si, o sol comeza a levantarse e a ilumina os cumios que alcanzaremos neste día: os Picos Albos. Aproveitamos para almorzar con estas vistas ao pé do Lago Cerveriz.


Se é que parece que estamos nunha postal!


Sen embargo, a cousa comeza a poñer seria: unha dura subida nos agarda.


O camiño pica agora para arriba con forza.


O sol apenas comezara a saír, pero reflexábase de tal maneira no lago que sentíamos que nos petaba dobremente. E se a iso lle sumamos o desnivel que neste tramo tivemos que salvar... Dános como resultado un dos momentos onde máis sufrimos pola calor en toda a excursión... e só eran ás 9 da mañá!


Xa golada entre os dous Albos, nun ¿jou?, nunha zona sombría, conservábase o último resquicio de neve.


En primeiro plano, o pico de La Llávana e a Laguna de Cebolléu, seca nesta época.
Ao lonxe, outras cimas de Somiedo que non somos quen de identificar.


Atrás nosa deixamos (de momento) o Albo Oriental, o máis alto dos dous, xa que o primeiro asalto farémolo ao Occidental.


Un marcado sendeiro entre as pedras, sen complicación algunha, condúcenos á cima.


Un vistazo atrás, comprobando o desnivel salvado dende o Lago Cerveriz.
Ao fondo, entre a neblina, divisamos os Huertos del Diablo e Los Fontanes.


E por fin chegamos ao Albo Occidental. Só cando chegas ao cumio é cando se divisa (ou mellor dito, aparece de repente) o Lago del Valle, moi indetificable pola súa illa.


E aquí vai o trabalinguas: "o Lago del Valle non eclipsa ao Valle del Lago".




Un acercamento á zona da illa. A cabana da esquina abaixo dereita serve para facernos unha idea do tamaño do lago!


Descendemos o Albo Occidental e vemos de frente o Pico Rubio en primeiro plano e Peña Orniz ao lonxe.


Proseguimos pola golada en dirección ao Albo Oriental, deixando atrás o Occidental (dereita) e outro ángulo do Pico Rubio (esquerda).


O tramo final da ascensión ao Albo Oriental por esta vertente non é máis que unha lomba herbosa.


Cando chegamos ao cumio descubrimos que as moscas tamén teñen preferencia por estes lugares, xa que había tantas que era insoportable permanecer alí. Así que nos fixemos unha foto de cumio donde aparecemos coma uns frikis e tiramos para abaixo.


Se ben este é o Albo máis alto dos dous, non goza das mesmas vistas que o anterior, pero tampouco queda coxo: Huertos del Diablo, Los Fontanes, Peña Ubiña e a Ubiña pequena. Inevitable pensar "por aí arriba estivemos onte!"


E se abaixamos a mirada, o Lago Calabazosa, que a estas horas xa lucía ese azul tan característico dos lagos de Somiedo.


A única complicación reseñable da xornada foi a baixada do Albo Oriental, onde o terreo se inclina considerablemente, con gran cantidade de pedra miúda solta.
Tras isto, chegamos ao canto da foto, onde Pela Orniz nos segue acompañando ao fondo.


Baixamos pola nosa esquerda e adentrámonos na paisaxe kárstica, un caos de depresións, surcos e salientes do terreo onde era realmente difícil orientarse e atopar o camiño máis cómodo.


No medio desta penuria, atoparnos co Lago Calabazosa foi case un alivio.


O outro momento da xornada onde máis sufrimos: mediodía, o sol batendo con forza e ningún lugar de sombra neste eiral. Mirando atrás vemos a sucesión de lombas e surcos, e o albo oriental ao fondo.


Esta zona tortuosa lévanos ate as Lagunas de Calabazosa, que están tan secas que nin fotos lle tiramos. Esta majada do mesmo nome antecede a subida ao cordal, pois temos que recuperar a altura que perdemos ao comezo da ruta.


Temos agora altura suficiente para poder ver á vez o Calabazosa e o Cerveriz.


Saltamos algunha alambrada mentres camiñamos por esta zona menos transitada, e remontando remontando chegamos a estar agora por riba do Lago de la Cueva. Ao chegar a zona da Collada da Forcada volvemos a ter vistas!


Bordeamos o Alto del Colladín e iniciamos xa o descenso final ata volver ao coche. Aqui costounos atopar o camiño pois o mato ocultábao en moitos tramos e xa iamos cansos.


Así remata este percorrido circular que nos da unha boa idea do que é Somiedo: Lagos moi fermosos (aínda que represados), cumios que son atalaias e un caos calizo no medio.

Xa no coche e para rematar o día, achegámonos ata un mirador para botarlle un último vistazo as Ubiñas!


Ningún comentario:

Publicar un comentario