Piscinas Naturais de Cures

Data: 26 de xuño de 2015
Lugar: Cures (Boiro)

Pozo Negro, unha das piscinas de Cures
Se preguntas no concello de Boiro por unha fervenza en Cures, probablemente a resposta vai ser Cadarnoxo. Pero o certo é que esta parroquia boirense ten outras menos coñecidas e, para o noso gusto, máis bonitas pese a ser máis pequenas: Pozo Branco e Pozo Negro, dúas piscinas naturais con cadansúa fervenza.

Con esta entrada inauguramos a etiqueta de "recunchos", que son lugares concretos para visitar nun ratiño sen necesidade de longos percorridos.
A que son espectaculares? Pois para chegar a esta maravilla só fan falta uns 5 minutos de camiñata.
Tras aparcar o coche á beira da pista, collemos o camiño pola beira do río e xa non ten perda. Pódese ir polas pedras da marxe ou subindo un pouco pola ladeira, que é bastante máis cómodo.

Aínda que non é un recorrido moi longo, si que ten algunha costa xeitosa que no momento da visita estaba chea de follas, co que había que ter coidado de non escorregar.


A primeira fervenza, Pozo Branco, rodeada dunhas paredes de pedra que nos fan pensar noutros lugares e non no mesmo Barbanza. E despois marchamos fóra ver cousas sen coñecer as da casa! (que cliché de frase)


Tras outra pequena subida río arriba chegamos á segunda fervenza, Pozo Negro, perfecta para un chapuzón! Aínda que nós non puidemos parar moito que nos comían os bichos (nota: levar repelente).


No verán é unha zona habitual de baño, aínda que a auga non destaca pola súa boa temperatura precisamente. A xente adoita moverse dunha piscina a outra descalza ou en chancletas, pero é recomendable levar un calzado máis fiable, pois no camiño de Pozo Branco a Pozo Negro hai unha zona que sen chegar a ser perigosa, si ten hai risco de caer por unha barranqueira se esvaras ou tropezas.

As fervenzas estaban máis escasas de auga que nunca debido ás poucas precipitacións deste ano, pero volveremos no outono ou no inverno, que despois das chuvias seguro que baixan cargadas e aínda máis espectaculares.

Como chegar:

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario