Piscinas naturais de Mosquete

Data: 28 de agosto de 2016
Lugar: Mosquete (Boiro)

Piscinas naturais de Mosquete, en Boiro
Xa falamos das piscinas naturais de Cures, pero o concello de Boiro aínda garda máis sorpresas: as piscinas naturais de Mosquete. E non nos iamos quedar sen coñecelas!

Para chegar ata alí non fai falta unha longa andaina. Deixamos o coche na aldea de Mosquete, e collemos unha das pistas forestais.


Era a última hora da tarde, o sol poñíase, e a luz non podía ser mellor.


Desa pista forestal hai que desviarse a outro sendeiro á esquerda, xusto cando da outra man aparece a calzada medieval de Vitres.


E aos pouco minutos de comezar a andar, xa divisamos as piscinas. O certo é que o entorno non é o mellor, xa non só pola flora (malditos eucaliptos!), senón polos destrozos que por alí había, con montóns de ponlas secas dalgunha corta.


Explorando a zona o primeiro que chama a atención son dúas construccións.
Por unha parte os restos dun muiño de auga, que polo menos neste verán tan seco tiña a canle seca. É curioso observar como está metido na ladeira, sen que se vexa a típica conducción que desvía a auga cara a súa turbina.


A outra construcción que chama a atención son os dous "muros" que pechan o río, e aí si que deixamos voar a imaxinación pois o máis probable é que sexan os apoios dunha ponte, e como o camiño vai a empatar coa calzada medieval, xa nos imaxinamos o vello percorrido da mítica calzada, da que se contan diversas orixes, usos e restauracións.


Sen dúbida, o sitio era ben curioso, e debía de ser un punto clave dentro da antiga vía de comunicación.


O verán tan seco que tivemos reduceu o río a súa mínima expresión, unha pena!


Agora os carballos comparten espacio con acacias e eucaliptos, pero hai uns anos a paisaxe debía de ser fermosísima.


Como podedes comprobar, son moito máis espectaculares as piscinas de Cures, pero eh, nunca está de maís descubrir outros recunchos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario