Ruta do río San Xusto

Data: 27 de agosto de 2016
Lugar: Lousame
Lonxitude: 7 km
Desnivel acumulado: 300 metros
Dificultade: Fácil
Track: wikiloc O track non é noso, só fixemos o que aí sería o retorno dende Toxosoutos a Brandia, pero do revés.

Río Vilacoba, no comezo da ruta
O Sendeiro dos ríos San Xusto e Vilacoba é a ruta máis coñecida do concello de Lousame. Como non tiñamos ganas de facer os seus 24 km, decantámonos por realizar só unha parte, a do río San Xusto.

Ían xa máis de dous meses sen meternos no monte, pero é que o verán non é época para roteiros, por diferentes motivos. Un deles, o sol; así que para o día no que anunciaban unha tregua deste verán solleiro, plantexamos unha ruta polo concello veciño de Lousame.

Mapa que collemos prestado da páxina do concello de Lousame
Decidimos facer o truco dos dous coches: un deixámolo no final da ruta, en Toxosoutos, e outro no seu comezo, na aldea de Brandia, preto da casa do concello de Lousame.  No mapa, a ruta percorrida é a do norte, a máis directa a Toxosoutos.

O roteiro comeza na área recreativa de Brandia, onde atopamos un merendeiro e varios muíños restaurados. Dende alí remóntamos o río Vilacoba polo sendeiro á beira do río.


 Carballos, ameneiros e loureiros... Que bonito todo cando nos se ven eucaliptos!


Non tivemos que camiñar moito ata atoparnos cun dos lugares que máis nos gustou, unha zona onde o río se abre e forma unha especie de praia fluvial (con moi pouquiña auga nesta época do ano, claro!).



Como adoita acontecer en moitos dos nosos ríos, neste tamén nos encontramos con antigos muíños. 


Nesta primeira parte da ruta atopámonos con varias das papeleiras que hai pola zona. Exploramos a que máis nos chamou atención pola súa estrutura, o hórreo... Moi curioso ver como a natureza se apropiou dela!



Por desgracia, o que ía ser un día nublado non foi tal, e pronto se abreu. As zonas nas que houbo que discorrer por pista forestal fixéronse moi pesadas, entre o sol dándonos máis de cheo, e que alí a paisaxe se estropeaba bastante... Apuf! Por iso agradecemos moito volver á sombra das árbores!


O camiño estaba claro e limpo na súa maior parte, con algunha que outra pasarela que nos axudaba a cruzar (aínda que tampouco é que ofreceran moita confianza).


Xa chegando a Toxosoutos foi onde nos atopamos a única complicación da ruta: un tramo do camiño estaba tapado por silvas e toxos que nos impedían o paso, e tivemos que inventarnos unha alternativa.

O resto do camiño transcorre sen maior dificultade, case sempre á beira do río e baixo o bosque de galería.



E chegamos á primeira das fervenzas de Toxosoutos, moi preto xa da civilización, na que unha ponte empaña un pouco a estampa.



E dende a primeira fervenza ata o Mosteiro de San Xusto de Toxosoutos xa pouco quedaba. Esta é a pasarela por donde se accede ao edificio medieval.


Despois continúase subindo e chégase é segunda fervenza de Toxosoutos, que é a máis coñecida por ser a máis proxima ao mosteiro.


E un pouco máis arriba a pendente atenúase e chegamos á que, na nosa opinión, é a paraxe máis chula do percorrido, unha última pasarela danos acceso á terceira fervenza.


Trátase da máis escondida das tres, e como as anteriores, tamén é ideal para un baño rápido.


A intención era subir ata o mirador do monte Culou, pero entre o sol mallando en nós, e que nos equivocamos de camiño, botámonos atrás e tirámonos á sombra a acabar as provisións que levaramos para o día. E que ben se estaba!

Temos que dicir que a luz estaba tan cativa que nin ganas de quitar fotos tiñamos!

Ningún comentario:

Publicar un comentario