Data: 11 de febreiro de 2017
Lugar: Boiro - Serra do Barbanza
Lonxitude: 11'5 km
Desnivel acumulado: 420 metros
Dificultade: Fácil
Fervenza de Cadarnoxo |
Deixamos o coche á beira da fervenza de Cadarnoxo, na parroquia boirense de Cures, dende onde comezamos a ruta que nos levará ata o monte Iroite.
A fervenza de Cadarnoxo é unha das fervenzas máis populares da zona, e cando estás ao pé dela decátaste do porqué. E logo de que os diversos temporais da semana anterior descargaran toda a auga que non caera no resto do inverno, estaba aínda máis esplendorosa.
Temos que dicir que as zonas de interese desta ruta son o punto de saída e o tramo final, sendo a parte intermedia entre un e outro lugar un mero trámite.
Descendemos ata a característica e icónica caseta do Iroite, que tanto se presta a ser instagrameada.
Dende alí, volvemos contemplar de novo as vistas sobre a ría de Muros e Noia: o Monte Louro ao fondo, Serra de Outes e Noia.
Así que volvemos sobre os nosos pasos, abandonando a caseta polo camiño que leva direito ata a estrada, e logo dando un pequeno rodeo seguindo outra ruta de Wikiloc.
Nos waypoints desa nova ruta seguida para a volta, indicaba que había unha pequena fervenza e outro lugar con boas vistas sobre a ría de Arousa. A realidade foi un pequeno salto de auga sen chicha ningunha e unhas vistas que tampouco xustifican ese rodeo.
Iso si, quedamos abraiados cos efectos dos temporais de días atrás: unha gran árbore arrincada de raíz que coa súa caída tumbou o que atopou ao seu paso.
E sen máis, chegamos de novo ao punto de saída: a fervenza de Cadarnoxo.
Rutiña curta e sinxela, que valeu para quitarlles a ferruxe ás pernas logo de demasiado tempo sen saír por aí. Darémoslle unha volta e faremos outro percorrido que nos suba ata a cima do Barbanza ;)
Ningún comentario:
Publicar un comentario