Pena do Seo (1576 m)

Data: 07 de marzo de 2017
Lugar: Bierzo
Lonxitude:  15,3 km
Desnivel acumulado: 700 metros
Dificultade: Media
Track: Wikiloc

Cresteando por Pena do Seo
Na comarca do Bierzo, apartada doutras montañas e cunha forma peculiar, a Pena do Seo destaca no horizonte a pesar da súa discreta altura.

O certo é que metémonos nesta aventura sen investigar moito sobre o tema. Vin que nos cadraba ben de camiño e sonábame que era unha ruta típica da zona, así que descargamos o track e pá diante.

Deixamos o coche na aldea de Cadafresnas, municipio de Corullón, e botámos a andar seguindo os carteis indicativos da ruta do Wolfram, que comeza alí mesmo e coincide en boa parte coa que nos imos facer.


Os primeiros kilómetros da ruta discorren por unha ampla pista que vai gañando altura pouquiño a pouco.


O que máis nos chamou a atención nesta parte foron uns montes que divisamos ao lonxe en forma de cuchilla. Nun primeiro momento, pensamos que era alí onde nos dirixíamos, aínda que parecían estar demasiado apartados para ser Pena do Seo. Como despois comprobamos, eses eran os Penedos de Oulego, na Serra da Enciña da Lastra.


Foi cando a senda xirou á dereita que batemos de frente coa gran mole de Pena do Seo e dixemos "Aaaah!! Que Pena do Seo é esta!!".
Esta nova panorámica tamén nos sacou de dúbidas no que respecta á neve: nin rastro dela.
Vale, non falamos dunha montaña con moita altura, pero facía dous días que nevara por todo o norte da península en cotas moi baixas e non sabíamos o que nos podíamos atopar.


A Pena do Seo tamén é coñecida polos restos mineiros que se atopan ás súas faldas.


Continuamos coa aproximación, ata chegar ás ruínas dos pavillóns que formaban o poboado mineiro.


Seguimos ascendendo suavemente ata chegar a un cruce de camiños. O da dereita é o que nos leva ata a cima de Pena do Seo, pero antes aproveitamos para visitar as minas que se atopan na súa ladeira, tomando o sendeiro da esquerda.


O camiño que nos leva ata as minas atravesa un pequeno bosque que, imaxinamos, lucirá moito mellor no outono.


Chegamos así a zona das minas, onde contamos tres entradas e investigamos un pouco.


Puidemos adentrarnos nunha das galerías, e descubrimos ó chegar o fondo que enlaza con outra das aberturas.


Desandamos este tramo para coller o camiño de subida, mentras observamos o desnivel salvado case imperceptiblemente (comparado co que ía chegar pouco despois).


Porque unha vez no collado, ao pés da gran mole, comeza a festa.
Primeiro unha forte ascensión entre o mato (menos mal que por aquí o toxo nin se cheira!), onde o vento nos empezou a bater fortemente, por sorte dábanos máis contra a espalda e non nos toleou demasiado.


Unha vez na parte alta, Pena do Seo confunde. Enganoume como o fixo o Pindo a primeira vez que o subín: nada é o que parece. Cando pensas que estás a punto de chegar ao cumio, telo aí a tiro, veslle incluso un gran hito...


...pois resulta que non, o camiño aínda torce e vemos ao fondo outra cima máis alta. Cresteas, estás a piques de chegar de novo e... Volta ao mesmo.


Foi moi divertido, iso si. Os distintos cumios que forman están unidos por unha cresta, sen perigo ningún (polo menos sen neve e xeo) e con algún paso onde hai que botar as mans á pedra.


Os cortados que de vez en cando asomaban son o gran aliciente da montaña, pero en ningún momento hai sensación de patio nin similar.


Finalmente, chegamos ao vértice xeodésico que nos indica que desta vez si, chegamos!
E por suposto, que non falte a foto de cumio.


Esta cima tiña de todo, cartel indicativo co nome e altura do cumio...


...unha caseta ca que nos puxemos creativos...


 ...e unhas vistas "senlleiras", mesmo nun día non especialmente claro, froito da soidade de Pena do Seo, sen irmáns maiores ao seu redor.


Unha vez inmortalizados todos os elementos desta montaña, poñemos camiño de volta, desandando toda a cresta.


A volta dámonos de conta que no mapa do IGN figura como punto máis alto da ruta o primeiro cumio con 1582m,, pero como "por se acaso" xa fixemos todos, non lle damos moita importancia.


Chegamos de novo á base de Pena do Seo, onde lle fixemos caso ao track de Wikiloc que collía rumbo de volta por outra pista distinta que a da ida.


Maldita a hora. Un subir e baixar por unha pista que ni fu ni fa, para chegar a un pequeno alto con vistas que, logo das contempladas dende a cima, tampouco nos aportaron demasiado. E o peor, a posterior baixada por un cortalumes empedrado que me desfixo os xeonllos.
Cagueime en todo, pero aquí tan só direi que non vale a pena facer así a ruta circular. Sería mellor utilizar algunha das pistas paralelas que levan un trazado máis lóxico.


E chegamos de novo á aldea de Cadafresnas. Ruta durilla, cansada pero satisfeitos ambos, e entendendo por qué é tan popular esta montaña. Unha parede con pasado mineiro (queremos imaxinar aos nazis por estas terras) e moito máis!


Ningún comentario:

Publicar un comentario