Serra da Enciña da Lastra

Data: 10 de marzo de 2017
Lugar: Serra da Enciña da Lastra (Ourense)
Lonxitude: 11'5 km
Desnivel acumulado: 420 metros
Dificultade: Fácil
Track: Wikiloc


Pena Falcoeira
No regreso da nosa escapada ao Alto Sil, aproveitamos para visitar a Serra da Enciña da Lastra, un dos seis parques naturais de Galicia.

Iniciamos a ruta na aldea de Biobra, concello de Rubiá, dende onde collemos dirección cara a zona de Covas: imos visitar a parte oriental do parque.
Logo dunha lixeira subida entre leiras, chegamos ao mirador da área de descanso de A escrita, dende onde podemos observar dende as Médulas a un lado, ata os montes de Trevinca nevados ao outro.


En boa parte desta primeira etapa acompáñannos vistas sobre o estreito canón que forma o río Sil, no lugar de Covas.


O camiño transfórmase nun paseo entre carballos que, a finais do inverno, aínda conservan algunhas follas secas nas súas copas, e as caidas formaban o característico manto no chan.


Imos aproximándonos a Pena Falcoeira, un paredón de caliza dos que non acostumamos en Galicia (nótase que xa estamos na fronteira!), fogar de diversas aves rapaces. Ademais da caliza e os castiñeiros desrramados, tamén chama a atención o resto de vexetación que dá lugar a unha paisaxe de aire mediterraneo.


A maior ascensión da ruta, a que sube por un dos laterais de Pena Falcoeira, coincidiu co sol de mediodía. E falamos dun sol de inverno que nos quentou ata os 30º nesa xornada... Como se agradecía calquera pequena sombra das árbores!


A parte traseira de Pena Falcoeira agocha unha das moitas covas que hai na Enciña da Lastra, e que nesa zona son coñecidas como palas. Visitamos a Pala da Vella.


Iso si, non sen antes poñernos algo de roupa por riba xa que o cambio de temperatura é grande: pasamos da calor abafante ao sol a un frescor húmido.


Na parte máis fonda non chega a luz e é necesario o uso de linternas. Aproveitamos para quitar unhas fotos a escuras destas formacións que nos nos dan a entender que estamos nunha cova "das de verdade".


Logo de pasar un bo anaco explorando a cova, decidimos continuar a ruta, que a partir de alí transita por sendeiros por veces bastantes cubertos de mato.
Chegamos a un cruce de camiños coñecido como o Foio das Arcas, onde o da esquerda nos levaría de volta á aldea de Biobra, punto de partida. Pero antes desvíamonos un kilómetro polo da dereita para visitar o Miradoiro da Portela, onde recoñecemos en primeiro plano a montaña que visitáramos días atrás, Pena do Seo.


Sen máis, volvemos atrás ata chegar de novo a Biobra.
Sorprendeunos gratamente este parque, e esperamos visitar outro día a outra parte do mesmo, a zona dos Penedos de Oulego.

Ningún comentario:

Publicar un comentario