Monte Enxa (538 metros)

Data: 02 de abril de 2017
Lugar: Porto do Son - Serra do Barbanza
Lonxitude: 11´5 km
Desnivel acumulado: 550 metros
Dificultade: Fácil
Track: Wikiloc (track doutro usuario)


Vistas do Monte Louro subindo ao Monte Enxa
Pequena ruta de sendeirismo por un dos montes máis coñecidos da Serra do Barbanza: o monte Enxa, en Porto do Son.

Este roteiro ten forma de 8, e polo que vimos a maioría da xente comézaa na súa intersección (preto da aldea de Montemuiño). Pero a nós tíñanos máis gracia comezala no punto máis baixo e ir sempre ascendendo; así que un pouco máis arriba da vila de Porto do Son, nunha zona coñecida como Laxieles, é onde iniciamos a marcha.


Comezamos cunha forte ascensión por pista (polas cales transitaremos en boa parte da xornada), e ao pouco que gañamos altura, xa podemos desfrutar das vistas sobre Porto do Son, a ría de Muros e Noia, Monte Louro, Monte Tremuzo...


De feito, moi preto do inicio e a tan só 170 metros de altitude, xa se atopa o mirador do Dordo, onde un panel explicativo axuda a localizar os puntos que dende alí se divisan.


Como non, cruzámonos con algúns cabalos salvaxes, os barbanzóns, tan típicos da zona como os eólicos.


Divisamos a meta da xornada, nun cruce de camiños (o lugar onde, oficialmente, comeza esta ruta: o centro dese 8 que forma).
E temos que papar durante un anaco algo de asfalto.


A subida final avanza por unha pista asfaltada que zigzaguea; tratamos de evitala atallando en liña recta entre os toxos... Algo fixemos, pero tivemos que acabar volvendo á pista na parte final, xa que se volvía practicamente intransitable.


Sen dúbida, o mellor da ruta son as vistas que nos acompañan durante boa parte do camiño, sobre todo dende o cumio, a máis de 500 metros ao pé do mar. E de mostra, unha panorámica.


A pena é que estea tan urbanizada toda esta zona, pero trátase dun mal moi común nos montes do Barbanza: cando non son eólicos, son antenas, ou casetas...
Neste cumio, ademais do miradoiro, hai unha Estación de Seguimento Marítimo.


Como tiñamos présa, non nos entretivemos moito arriba. Descendemos pola pista que intentáramos evitar antes, pero de seguido descubrimos como escapar dela e metémonos por unha campiña moi xeitosa e cómoda.


O camiño de volta é completamente diferente ao da ida, transcorrendo por unha zona máis interior que nos impediu disfrutar das vistas da ida.


Trátase dun roteiro sinxelo, curto e sen dificultade. Camiñar por pistas sempre é indesexable, pero a parte boa é que se fai un desnivel notable sen apenas esforzo.
Paisaxisticamente, pois a verdade é que non nos flipou, pero para estirar as pernas e coñecer outras zonas do Barbanza, ben valeu. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario