Os catro cumes do Galiñeiro dende Zamáns

Data: 14 de abril de 2017
Lugar: Serra do Galiñeiro
Lonxitude: 15 km
Desnivel acumulado: 750 metros
Dificultade: Media - Fácil
Track: Wikiloc


Vista da Serra do Galiñeiro N dende o Encoro de Zamáns
A Serra do Galiñeiro domina o sur da provincia de Pontevedra, destacando polo rochoso dos seus cumios que son ben distinguibles dende lonxe. Quixemos atacarlle ás súas catro cimas principais dende a presa de Zamáns.

Partimos de Zamáns, na parroquia máis interior do concello do Vigo. Dende alí comezamos cun lixeiro descenso pola estrada ata desviarnos de novo, tamén en descenso, por unha pista que nos conduce a unha carballeira, da que xa quedamos prendados.


Este bosque é de conto, e en pleno apoxeo da primavera, con verde por tódolos lados, tiña aínda máis encanto. Exploramos un pouco a zona, onde nos chamou a atención a casa do Muíño das Maquias, con porche incluído.


Para nós, o muiño máis chulo que nos atopamos nunca.


Pero deseguida proseguimos a ruta, agora xa ascendendo ata chegar de novo ao pés do encoro, aínda que axiña nos apartaremos del para percorrelo á volta.


O día comezara bastante pechado de brétema, dotando ao Galiñeiro dun certo aire místico.


A faldra alberga distintas rutas de sendeirismo: aquelo era un festival de marcas de distintos PRs que no noso caso non parecen axudar moito a orientación. Pero imos proseguindo e antes do primeiro cumio topámonos esta area recreativa.


O primeiro asalto facémolo ao "Coto Mediodía". Despistámonos un pouco e como non tiñamos moi claro o camiño, decidimos atallar entre o mato...


Xa dende a súa cima (654m) tentamos adiviñar cales eran os outros tres obxectivos do día, pero non é que se vira demasiado.


Demos cun camiño para realizar o descenso, moi pronunciado pero libre de toxos.


De feito, foi todo un acerto: árbores autóctonas como carballos, acompañáronnos durante a baixada e fixeron deste anaco un dos mellores momentos do día.


O camiño vén a desembocar nunha das numerosas pistas de terra que ten a serra. Agora será cousa de seguila durante un cachiño en dirección ao seguinte cumio.


A pista de terra colle algo de inclinación ata levarnos á caseta que preside a parte máis alta do Arruídos (700m).


Aproveitamos o abrigo do vento que nos proporcionaba a caseta (conste que tampouco sopraba forte), e alí comemos, vendo como avanzaba a brétema cara o interior. O vértice non está na caseta senón un pouco máis adiante, onde hai un buzón ó que lle roubaron a tapa.


Pronto comezou a chegar máis xente: o garda da casa, ciclistas... Polo que decidimos poñer rumbo á terceira cima do día.
Aínda que no track que seguiamos descendía pola pista de terra, descubrimos, moi preto do cumio, un sendeiro bastante xeitoso e que nos levaba de forma máis directa ao noso seguinte obxectivo, e que tamén é preferible á hora da ascensión.


Ese camiño desemboca outra vez no cruce de pistas, pero enseguida volvemos a un sendeiro que se apicua rapidamente e nos leva ao terceiro cumio: O Galiñeiro, o principaol e máis alto da serra.


A cima do Galiñeiro está sobre unha pequena formación de pedras á que nos subimos...


...para quitarnos a obrigada foto de cumio: nolos catro co gran vértice xeodésico do Galiñeiro (712m).


Pero non nos relaxemos, aínda nos quedaba o último obxectivo do día: o Galiñeiro Norte!


Antes de marchar de alí, e aproveitando que despexara algo, contemplamos as vistas desde a cima: non fuxira aínda a brétema do Arruídos, onde apenas podemos apreciar a súa caseta.


Recoñezo que a Serra do Galiñeiro me despistou moito, moitísimo. Entre a novidade, a néboa e abarcar catro picos diferentes... Xa nin sabía nin onde estaba, nin onde estivera.


A zona dos arredores do Galiñeiro Norte é a parte máis espectacular destes montes, con vistas cara a nosa esquerda que nos tapan a néboa, e camiñando entre o mato baixo e as rochas.


É un día festivo e hai cantidade de xente no monte, supoñemos que tamén é unha zona con moita afluencia de sendeiristas debido á proximidade desta serra coa zona urbana de Vigo. Pero gracias á néboa, nin nos decatamos.


Do cuarto e último cume da xornada, o Galiñeiro Norte (694m) destacamos a verticalidade das súas paredes, característica que non é común nos montes galegos.


Espléndida vista do embalse de Zamáns, que acabaremos de percorrer á volta, dende o Galiñeiro Norte.


Camiñamos por un sendeiro entre o alecrín, e algúns aínda se animaron a ascender un último alto, un cumio secundario do Galiñeiro N.


Dende este cumio secundario, a panorámica é esta: Baiona, o mar de Vigo, o encoro e o Galiñeiro Norte. Por certo, este último curuto é o que dende o inicio da ruta parece o punto máis alto! Enganos da perspectiva...


E dispostos a abandonar as zonas altas da serra, poñemos rumbo de novo cara o encoro de Zamáns.


Volvemos a mergullarnos nos bosques que poboan os pés do Galiñeiro, libres, en gran parte, de eucaliptos... Tanto as zonas altas como as baixas deste monte teñen o seu atractivo.


E chegamos de novo ao Encoro de Zamáns, que decidimos bordear pola senda dos pescadores. Aínda que se fixo máis longa do que pensáramos, sen dúbida algunha valeu moito a pena.


Cruzamos o río Amial por unha ponte de madeira, recentemente restaurada ou iso nos pareceu.
Esta ruta non deixou de sorprendernos ata o final!


Numerosos ríos e regatos veñen desembocar ao embalse, e cas reviravoltas estamos enredando máis do esperado en facer este último anaco da ruta.


Nas beiras do embalse amontoábanse, aboiando, as flores dos salgueiros, que xunto coas árbores mergulladas nos recordan a estampa dos grandes pantanos de EEUU (ou polo menos o que recordamos das películas).


No Galiñeiro todo foi unha grata sorpresa. Nin de lonxe nos esperabamos tanto... Carballeiras e muíños nas cotas baixas e grandes rochedos nas zonas altas, un 2 en 1!
Fomos seguindo dous tracks distintos, e finalmente fixemos un remix deles con aportacións propias, polo que nos quedou unha ruta de sendeirismo polo Galiñeiro diferente e completa.

Ningún comentario:

Publicar un comentario