Circular Serra do Candán

Data: 01 de maio 2017
Lugar: Serra do Candán
Lonxitude: 20 km
Desnivel acumulado: 850 metros
Dificultade: Fácil
Track: Wikiloc

Camiño enlousado pola Serra do Candán
Ruta de sendeirismo na que percorremos parte da Serra do Candán, no interior da provincia de Pontevedra, ascendendo ata un dos seus picos máis altos: o Alto do Coco.

Saímos da aldea de Fixó, no concello de Forcarei: unha pequena aldea situada xa a unha altura de máis de 600 metros. Comezamos cunha ascensión continuada por unha ampla pista ata chegar á altura do parque eólico.


Desvíamonos do camiño principal para visitar as neveiras: utilizadas polos monxes do Mosteiro de Acibeiro no S.XVII para almacenar neve e convertila en xeo. Polo visto, nesa época si era común que nevara en cotas tan baixas nesta zona, a pouco máis de 800 metros de altitude, algo excepcional hoxe en día.

A primeira está en rehabilitación:


E máis adiante, outra conta con un valado metálico unha escaleira de caracol que nos permite baixar.


Logo de visitar os neveiros, temos que camiñar varios kilómetros por pistas de terra que nada aportan. Este primeiro tramo da ruta estaba a ser moi desmotivador: con tanto eólico e a paisaxe tan desolada ata te plantexas dar media volta.


Pero o panorama vai cambiando lixeiramente a medida que nos imos achegando á zona do Alto do Coco, esa elevación que vemos á dereita.


Para chegar ata alí témonos que desviar da pista que viñamos seguindo, collendo un camiño que sube directo pola nosa dereita. O día estaba algo ventoso, pero foi na subida á este cumio onde máis o notamos.


Sen moito esforzo chegamos ao punto máis elevado da ruta: o Alto do Coco, a 970 metros de altura. Non se trata da zona máis alta da Serra do Candán: ese premio levao o Alto de San Bieito, a 1017 metros, pero máis urbanizada (aínda se cabe!) que o Coco.
Unha vez arriba, sacamos un par de fotos e tentamos disfrutar das vistas dende alí: a comarca do Deza e os Montes do Testeiro
Aproveitamos para tomar un petisco na caseta que hai na cima, e que nos refuxiou estupendamente do vento que naquel momento azotaba con forza.


Como aínda quedaba moita ruta por diante, puxémonos de novo en marcha, desandando estes últimos metros para continuar polo camiño que viñamos seguindo, e que comeza agora a descender.


Ao pouco atopamonos cun mirador, ao pé da pista. Comprobamos como aquí a paisaxe muda totalmente, e comeza a valer a pena a viaxe ata a Serra do Candan.


Esta parte da ruta é un continuo descenso que nos levará á zona máis baixa do val, pasando pola pequena aldea de Ameixedo, que divisamos ao lonxe.


Abandonamos por fin as pistas tomando un desvío á nosa esquerda, resultando un sendeiro máis aceptable.


O camiño condúcenos ata a única aldea deste val, camiñamos por un canto, con muros e camposas a ambos lados. Agora empezamos a pensar que os primeiros cinco kilómetros foron unha peaxe a pagar para disfrutar do resto do roteiro.


A aldea de Ameixedo está nun pequeno saínte da ladeira, o que lle da unha situación privilexiada.


Proseguindo co descenso, adentrámonos nas fragas que enchen totalmente o fondo do val. O camiño está na sua maior parte empedrado, no que semella os restos dunha calzada.


Ademáis dos carballos, destacan os treitos nos que predominan os acivros e os rañacús (coñecidas fora da nosa casa como xilbardeiras).


Camiñando por estes bosques de árbores autóctonas é en onde máis notamos a diferencia coa Serra do Barbanza, tan ateigada de eucaliptos.


O descenso culmina á beira do regato de Grobas, a cota máis baixa da ruta. Alí atopamos un antigo muíño máis unha pequena ponte que temos que cruzar.


A partir de alí, comezamos a ascender novamente, zigzagueando, ata chegar ao desvío que conduce a Bustelo.


Subindo, subindo, chegamos a unha intersección de pistas, onde debemos tomar dirección á aldea abandonada de Grobas.
Moito ollo con non confundirse, xa que resulta fácil escoller algún dos camiños máis marcados, e que nun principio, leva a mesma dirección: hai que baixar pegados ao muro da esquerda!


Trátase dun estreito sendeiro que transcorre a media ladeira, ofrecéndonos vistas de todo o val.


Chegados a unha zona máis apicuada, transfórmase nunha pasarela enlousada, un dos puntos máis recoñecibles da ruta.


Este sendeiro condúcenos á aldea abandonada de Grobas, á beira do río do mesmo nome, unha zona ideal para tomar un descanso.


Exploramos algunhas das ruinas comidas pola maleza.


Dende alí temos que cruzar o regato e ascender por unha frondosa carballeira, cada vez máis empinada, que nos saca do val e nos devolve a zona alta da serra.


Nesa pista, ao pé dos eólicos (de novo), desvíamonos á esquerda para visitar o miradoiro de Grobas.


As vistas serían boísimas se non fose pola presenza de muiños e torres de alta tensión. De feito, dende o mirador non se escoitan os ruidos da fauna, senón o crepitar eléctrico dos cables.


Unha ruta moi sinxela pero longa: incumplín así a miña regra de non facer rutas de máis de 17 km.
Os primeiros kilómetros son un castigo aos ollos, pero as zonas baixas compensan con creces ese pequeno sufrimento.

Ningún comentario:

Publicar un comentario