Kilómetro vertical do Courel

Data: 18 de maio 2017
Lugar: Serra do Courel
Lonxitude: 15 km
Desnivel acumulado: 1100 metros
Dificultade: Moderada
Track: Wikiloc

Subida final ao Penaboa
Unha ruta moi popular aberta a golpe de desbrozadora hai uns poucos anos e que polo visto se trata do único kilómetro vertical de Galicia: neste caso salva un kilómetro de desnivel en pouco máis de catro kilómetros lineais.
 Non podiamos ir ata o Courel sen darlle a proba!

Comezamos en O Ponton, Ferreirós de Abaixo, a pouco máis de 500 metros de altura.
Á beira da estrada xa nos atopamos con carteis indicativos do kilómetro vertical. Quentamos as pernas remontando o val.


Ascendemos á par do río, en dirección a Ferreirós de Arriba.


Aos poucos metros o roteiro xa ten os seus alicientes, o río e o seu entorno xa case pagan a viaxe ate aquí.


Cruzamos o Rego da Veiga por unha pequena ponte de madeira, onde un novo panel nos indica que imos na boa dirección.


Chegamos a Ferreirós de Arriba, unha fermosa aldea situada a 700 metros de altitude. O que máis nos chama a atención son os pequenos saltos de auga que forma o rego Penaboa.


Pasando a aldea vemos os primeiros grandes exemplares de castiñeiro nun dos numerosos soutos da zona.


Cruzamos un pequeno río por uns cómodos pasais, xusto á beira dun salto de auga. Quizais en épocas máis chuviosa este paso se pode complicar un pouco...


Saimos da zona arbolada e comezamos a ascensión polo camiño aberto entre as uces. As vistas do val co Penaboa na marxe dereita son un pasote. Ao longo das nosas corredurías polo Courel decatarémonos de que o verdadeiro valor da zona está nos seus vales, e non nas zonas altas que adoitan estar bastante "urbanizadas".


No track que seguimos hai sinaladas varias trepadas neste tramo da ruta, se ben a máis complicada (na que non te libras de ter que botar as mans á pedra ou ás raíces) é a terceira, pero que para nada representa un perigo.


Chegamos entón á parte alta da ruta, pasando xa dos 1000 metros de altitude, e o camiño ofrece un descanso ao perder inclinación.


Tomamos folgos mentres divisamos ao fondo a aldea de Ferreirós de Arriba, comprobando a altitude gañada en apenas 1 km.


Non hai máis alternativa que seguir o "sendeiro de desbrozadora". Nun primeiro momento a ascensión é lixeira, pero xa divisamos ao fondo a parte máis esixente que nos levará ata o cumio do Penaboa.


Incorporámonos á cresta, e agora si, facemos sufrir un pouco (máis) as pernas.


Á parte do desnivel, o terreno non conta con maior dificultade, se ben hai algunha zona con caída na que hai que estar atentos, sobre todo cando as condicións climatóloxicas sexan outras.


Vemos de reollo que a choiva ven ascendendo polo val. Preocúpanos mollarnos, pero o ambiente ten a súa épica.


E por fin, chegamos ao mirador do Penaboa, a 1457 metros. O día xa se pechou de todo e non podemos xogar a adiviñar lugares. De feito, comezaba a chover...


...polo que sen perder máis tempo decidimos avanzar cara Piapaxaro. A partir de aquí, a ruta perde bastante, transitando por unha pista desas que non nos gustan moito.


Avanzamos sen moito esforzo ate chegar aos pés desta segunda cima. Abandonamos a pista que viñamos seguindo para meternos de novo nun sendeiro desbrozado entre o mato, namentres a subida se ía acentuando cada vez máis...


A cima de Piapaxaro é a segunda máis alta da Serra do Courel, con 1611 metros e tan só por detrás de Formigueiros, e este anaco final é coma un déjà-vu do Penaboa.


O día tórcese aínda máis, chove e venta con gañas, e apenas damos quitado a foto de cumio.
A caseta que alí hai é un estorbo visual pero non negaremos que nos cundiu para refuxiarnos de todas estas inclemencias meteorolóxicas, aproveitando tamén para xantar.


Como non parecía que a cousa fora a mellorar, comezamos o descenso baixo a chuvia a paso lixeiro. E de repente...


... o ceo mudou completamente! Parece mentira que esta foto fose quitada un pouquiño despois da anterior. Baixamos por unha pista que se inclina por momentos.


O camiño  chanea agora e colle dirección cara o último alto do día. Foto mirando atrás, ainda que o que se ve é o Penaboa.


E cando parecía que o día xa estaba feito, chegou a última sorpresa: a subida ao Pico do Coto, que en si mesmo non é moita cousa, pero enriba de todo o demais...


A cima do Pico do Coto vólvenos obsequiar con vistas sobre os vales do Courel, agora co ceo máis aberto que a primeiras horas da mañá.


A estas alturas eu xa estaba rotísima, e por riba atopar o camiño de baixada non foi sinxelo... Ata dúas veces nos metemos por onde non era (e con caída incluída!).


Este descenso, bastante pronunciado, acaboume de matar. Concretamente, desfíxome os xeonllos. Pero foi toda unha sorpresa xa que non se falaba moito del nas recensións que lemos antes de vir. O sendeiro vai pendurado nunha zona bastante vertical da serra.


Despedímonos do Penaboa, que lle rouba protagonismo ao Piapaxaro en todo momento.


Imos facendo longas lazadas ao perder altura, pasando agora por baixo do Pico do Coto.


Ao acercarse ao fondo do val, volvemos a meternos na fraga e a paisaxe volve cambiar completamente. Enlazamos co camiño de ascenso e xa so queda desandar os nosos pasos un cachiño.


Esta ruta pretendía ser un entrenamento para a nosa excursión a Babia, pero resultou ser todo un descubrimento. Os 1200m de desnivel permiten ver gran variedade de paisaxes, facendo un percorrido vertical pola serra do Courel, onde destacamos a fondura e beleza dos vales, e que só perde ao chegar as zonas máis altas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario