Pico Formigueiros (1639m) pola súa arista

Data: 19 de maio 2017
Lugar: Serra do Courel
Lonxitude: 11 km
Desnivel acumulado: 950 metros
Dificultade: Media - baixa
Track: Wikiloc

Arista de Formigueiros, cumio máis alto do Courel
Existen distintas rutas que nos levan ao cumio máis alto do Courel, o Pico Formigueiros, pero para esta ocasión escollemos a que ascende pola súa arista e descende pola fermosa Devesa da Rogueira,

Partimos da Aula de Natureza de Moreda, unha pequena aldea de Seoane do Courel, e imos seguindo as sinais das rutas de sendeirismo do Monte Cido e da Rogueira por un sendeiro amplo e cómodo, deixando o val á nosa dereita.


Nunha continua ascensión chegamos a Moreda Maior, un conxunto de construcións abandonadas que aínda hoxe se empregan para resgardar o gando.


Por anacos as árbores péchanse tanto que parece que nos metemos nun túnel.
Tamén temos que vadear o camiño algunha vez por mor da auga que por el discorre, aínda estando sequía.


Pero pronto o camiño xira á dereita, nunha zona pre do Alto do Couto, convertíndose en pista e perdendo parte de todo este encanto. Os liques dominan esta parte da serra, envolvendo a maioría de árbores.


Imos seguindo esa pista forestal ata que á dereita se asoma un mirador sobre a Devesa da Rogueira.
Nese mesmo punto, no lado esquerdo, é onde temos que incorporárnos á artista de Formigueiros.
Metémonos entre as uces, sendo este primeiro tramo un leve e continuo ascenso por unha lomba.



Segundo nos imos achegando, a última parte da arista parecía moito máis complicada do que ao final é. Dende a distancia semellaba que íamos ter que trepar, pero en absoluto.


Xa case arriba, botamos un vistazo a toda a cresta que levamos percorrida.


E chegamos á cima! O primeiro que vemos é unha cruz cunha placa na que aparecía gravado un texto de Uxío Novoneyra, coñecido como "O Poeta do Courel".


Achegámonos ao hito ao carón do cal, ademais da sinal do pico, hai unha lata a modo de buzón, na que alguén gardou unha pequena libreta e un lápis. Moitas follas con sinaturas, adicatorias e algún chiste dos montañeiros que ata aquí chegaron.
Botei un anaco lendo algunhas das ocurrencias da xente (hainos ben simpáticos), e logo non me puiden resistir e deixei a nosa...


Foto de cumio obrigatoria...


Temos vistas do circo glaciar no que asenta a Devesa da Rogueira, polo que descenderemos en breve. Resarcímonos un pouco da xornada anterior, onde a neboa e a chuvia nos impediu disfrutar das vistas na parte alta.


Para baixar tomamos dirección sur, e imos seguindo un camiño amplamente desbrozado (diríamos que demasiado) que nos conduce ata a golada.
Ao lonxe, cremos divisar os cumios da xornada anterior: Penaboa e Piapaxaro.


Xa na golada enseguida temos que desviarnos da pista para meternos por un estreito sendeiro entre o mato que se adentrará na Devesa da Rogueira, un dos bosques autóctonos mellor conservados do país.


A medida que descendemos, o camiño entre as uces vai mudando e pechándose máis e máis entre distintas árbores autóctonas e as que non estamos tan acostumados.

O escaso teixo, que se convertiu nunha das nosas favoritas:


As faias primaveráis (volveremos para velas no outono vestidas de vermello):


E o colmo da ortografía, o acivro!


Non temos que descender moito para atoparnos coa Fonte do cervo, polo visto tamén chamada Fonte da Fame xa que, entre outras propiedades curativas, se lle atribuía a de abrir o apetito. Deste manancial brotan dous fíos de auga distintos: un claro e outro tinguido da cor do ferro.


Por momentos a baixada empínase bastante, pero o camiño está acomodado, habendo incluso zonas de chanzos.


Outras veces, o sendeiro atópase moi húmido, e a mistura coas follas secas obriga a andar con certo coidado para non pegarnos unha cuada.


Distintos regatos e saltos de auga descenden pola devesa ata acabar desembocando no Lor, o principal río do Courel.


Para facilitar o tránsito sobre algún destes arroios atopamos pasarelas de madeira.


O camiño pola fraga zigzaguea unha e outra vez, pero está moi lonxe de aburrirnos con semellante exibición botánica!


A maior parte dos tracks que atopamos por Wikiloc facían esta ruta no sentido inverso ao noso, pero realmente cremos que é mellor facelo así: ascender a Formigueiros pola cresta e descender pola Devesa da Rogueira. A medida que perdemos altura vemos canto hai que alzar a vista para divisar o Formigueiros, e o grande que é este circo.


Neste último tramo de volta á Aula da Natureza, atopámonos con varios carteis explicativos sobre flora, fauna, xeoloxía e outros datos interesantes do Courel como a importancia do mel, as castañas...
En moitos lugares non lles pretaríamos atención, pero aquí o certo é que eran moi didácticos.


Pasamos polo carón dun sequeiro, unha construcción que semella unha casa pero que en realidade se empregaba para secar as castañas.


E chegamos de novo á Aula de Natureza, onde unha das monitoras nos explicou unhas cantas curiosidades da zona e do entorno.


E así finiquitamos esta ruta, moi orgullosos xa que foi todo un reto paparse 950 metros de desnivel logo de facer o día anterior o kilómetro vertical. A arista non é para nada complicada e é unha boa forma de acceso para enriquecer a ruta.

Ningún comentario:

Publicar un comentario