Monte Muralla (679m) pasando por Pozo Bastón


Vistas chegando á cima do Monte Muralla.
Roteiro circular no que ascendemos ata o punto máis alto do concello de Rianxo, o Monte Muralla, pasando pola coñecida fervenza de Pozo Bastón.

Data: 17 de setembro de 2017
Lugar: Rianxo (Barbanza)
Lonxitude: 14,5km
Desnivel acumulado: 590m
Dificultade: Fácil
Track: Wikiloc


Iniciamos a ruta na aldea da Ferrería, na parroquia do Araño, acompañados nesta ocasión por Lara e a súa cadela Silva.


Temos que desviarnos un chisco do camiño principal para visitar a fervenza de Pozo Bastón.
Xa foramos noutra ocasión, pero daquela remontando o río Te dende abaixo, tedes a entrada aquí.


A estas altura do ano (mediados de setembro) e cos meses de sequía que levamos, a fervenza atópase baixo mínimos, pero aínda así o entorno ten a súa maxia e non nos extraña que sexa un lugar de lenda.


Seguimos ascendendo a través dun camiño empedrado, que a pesares da seca, se atopa embrañado.


Saimos a unha pista forestal e abandonamos a zona de fraga. A partir de agora dominará o eucalipto e o toxo...


Ao gañar altura comezamos a distinguir o val que forma o río Te no seu tramo máis alto, e dende este punto teremos sempre vistas sobre a Ria de Arousa.


Atravesamos a aldea de Campelo, aos pés do Pico Muralla, onde iniciamos a última parte, e tamén a máis pindia, da ascensión. Queda enfornte Varela, por onde regresaremos.


Recentemente foi desbrozado o camiño, así como se puxo nova sinalización, polo que esta vez non teremos que loitar cos toxos.


Subimos ata a golada entre os dous picos da Muralla; o dereito é o máis alto e alí nos diriximos.


Pegados ó valo que divide os concellos de Rianxo e Lousame, ascendemos de forma directa ao pico.
Como é habitual na zona, os muíños eólicos estragan a paisaxe das nosas zonas altas.


Ao cumio pódese subir en coche, pero como de costume, preferimos evitar as pistas e o asfalto sempre que sexa posible.


Chegamos á cima, presidida por unha caseta e varias antenas; moi urbanizada, coma adoitamos atopar nestes nosos montes.


O mellor son as vistas: en días claros pódese chegar a ver dende a catedral de Compostela polo nordés, ata as Illas Cíes cara ao sur.
Aquí, as vistas casa a ría de Arousa, que aínda sendo un día anubrado, alcanzamos a ver as Illas Ons.


En primeiro plano, a aldea do Vilar, e detrás, na ría, a Illa de Cortegada. Distinguense tamén as poboación do salnés: Carril, Vilagarcía...


Aos nosos pés a aldea de Campelo, de onde vimos.


Comezamos a baixar pola outra vertente, apreciando agora mellor os dous cumios que forman o Monte Muralla.


Empregamos as pistas que serven aos eólicos para volver á estrada.


Mentres non abandonas a parte alta, seguimos disfrutando das vistas, sen dúbida o mellor da ruta.
Voltamos atravesar a aldea de Campelo, pero a volta farémola dirixíndonos cara a aldea do Vilar, que podemos divisar no centro da fotografía.


Un vistazo atrás, e divisamos os dous cumios que forman o monte Muralla; de onde nós vimos é o da dereita.
Nas súas abas, Varela e Campelo. Á dereita de todo, Bustelo.


A través dunha pista, tamén desbrozada de fai pouco, diríximonos cara o Vilar, onde atopamos nova sinalización que facilita o seguimento da ruta.


Descendemos rápidamente voltando ao fondo do val de onde partimos.


A pista de terra remata na carretera que leva á Ferreiría, onde nos agarda o coche.


Finalizamos así unhas das rutas clásicas do concello de Rianxo, posta a punto (en canto a limpeza e sinalización) recentemente.

Ningún comentario:

Publicar un comentario