Castelo de Vitres (472m)

Data: 8 de setembro de 2015
Lugar: Serra do Barbanza (Boiro)
Lonxitude: 12km
Desnivel acumulado: 586m
Dificultade: Media
Track: Wikiloc

Castelo de Vitres, á dereita

Volvemos ao monte!
E para o noso regreso, escollemos un roteiro clásico no concello de Boiro e que se puxo en voga ultimamente a raíz da carreira de trail que o percorre: Castelo de Vitres.

Nesta reportaxe incluimos fotografías da parte do cumio de outra visita, pois o día de realización da ruta unha nube de mosquitos impediunos poder pasar tempo na cima, e o día non estaba despexado.

A idea era modificar o PR - 146 "Ruta ambiental Castelo de Vitres" eliminando o tramo ata A Portela, xa que transcorre por pistas de terra e non ten moito interese, e sobretodo buscar unha subida alternativa ao castelo. Con esta idea en mente decatámonos de que o trazado do trail deste ano coincidía na súa maioría coa ruta que pensáramos, polo que en gran parte do tempo acabamos seguindo as indicacións da carreira.

Comezamos en Brazos, unha aldea situada na saída de Boiro dirección Noia.
O primeiro que nos atopamos son os pasais que cruzan o río Coroño, e que desta vez estan recén reformados pero no inverno é común que as crecidas do río se leven algun dos chanzos por diante.



Proseguimos o camiño, ben sinalizado, tanto coas marcas de PR como cas propias sinais do trail. Durante unha parte seguimos o curso do río Acevedro, onde vemos algún muíño e tamén a fervenza do cabalo.


Nesta parte do camiño a sombra é abundante ata que volvemos sair á carretera e divisamos por primeira vez con claridade o noso obxectivo: o cumio, Castelo de Vitres!
Neste punto, en vez de coller cara á aldea de Mosquete como indica o PR, seguimos as sinais do trail que se volve a meter dentro da vexetación polo bosquiño que hai en fronte.


Volvemos sair a outra carretera, que seguiremos contados metros para, antes de chegar a Mosquete, coller a dereita a famosa Calzada de Vitres. Como toda a zona, a calzada ten tanta lenda como pedra, e a xente chámalle romana aínda que, polo menos a versión que coñecemos, parece ser medieval con reformas posteriores.


O ramal principal da calzada segue case ata o cumio, pero no noso caso abandoámola rápidamente para subir dunha forma máis directa. Tamén nos atopamos con pequenos montículos de pedras, dos que está cheo a Serra do Barbanza, e claro, Anxo non se puido resistir...


Unha parada (das moitas) durante a subida, para contemplar as vistas e descansar, que o último tramo ten unha boa pendiente e róncalle o nabo.


Toda a ascensión é sinxela e non fai falta usar as mans para nada, pero por puro deporte os últimos metros de ascensión ao castelo fixémolos pola súa cara máis empinada e rochosa. Son só 8 ou 9 metros con infinidade de posibilidades para trepar.


O propio cumio é unha pequena campa de herba perfecta para deitarse a descansar, mirar a paisaxe ou mesmo facer noite.


Xa arriba, a 472 metros de altura, as vistas sobre a Ría de Arousa son impresionantes. Nun día despexado vese Cabo de Cruz, a Pobra, Rianxo, A Illa de Arousa, O Grove, Sálvora e incluso se adivinan as  illas Cíes.
Ah, e non, non hai castelo algún, pero si quedan restos da antiga fortificación que houbo na Idade Media.


Para completar un pouco a actividade subimos tamén ao cumido que hai fronte a Vitres, ao outro lado do pequeno val e do que non conseguimos averiguar o nome, e que aparece na cartografía do IGN 1:25.000 como a cota sen nome 533 msnm. Así se ve o castelo dende este cumio.


E iniciamos a baixada polo tramo mellor conservado da coñecida Calzada de Vitres, que de por sí xa ten bastante historia e lenda sobre a súa creación e restauración, e que atestigua a importancia destas ladeiras no pasado.
Normalmente, por esta zona adoita haber mastíns que, se ben son inofensivos (queremos pensar), dan un pouco de canguelo. Este día topamos cunha cabra pero cans, nin de lonxe.


Só de pensar no traballo que tivo que ser construir estas calzadas xa nos cansamos.


Unha mirada atrás, de alí vimos: á dereita Vitres e á esquerda a cota sen nome.


Para finalizar, unha foto do bosque de acacias que hai antes da calzada. E que se note que o outono está ás portas...


Un roteiro axeitado para calquera persona acostumada a andar polo monte, sen dificultades salientables pero que ten o aliciente de xuntar o disfrute da natureza e da historia nun só camiño.
Trátase da nosa zona favorita do Barbanza; será polas lendas que o rodean, por ser das máis salvaxes e de relevo más pronunciado e, sobretodo, das poucas partes que quedan sen invadir polos muiños eólicos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario