Circular do Monte Pindo: A Moa e Pico Peñafiel

Data: 27 de setembro de 2015
Lugar: Carnota
Lonxitude: 12km
Desnivel acumulado: 586m
Dificultade: Media
Track: Wikiloc

Monte Pindo dende o mirador do Ézaro
O Monte Pindo ten algo especial. Chama moito a atención co seu granito vermello e escasa vexetación, que o fai distinguirse entre o resto da paisaxe. Se a isto unimos a súa proximidade ao mar, e que está circundado polo río Ézaro e a súa famosa fervenza, comprendemos porque se trata dun cumio de obrigada visita para os que gustan da montaña.

Hai un itinerario clásico de subida á Moa, que se inicia na aldea do Pindo. Pero desta vez quixemos probar unha ruta diferente que nos permite coñecer mellor o macizo.
O roteiro comeza na aldea de O Fieiro, preto do encoro de Santa Uxía, un pouco máis arriba da coñecida fervenza do Ézaro. Alí está sinalizada a ruta que seguiremos, marcando cun trazo amarelo a ruta de ida, máis curta e sinxela, e en vermello a de volta, máis longa e esixente.
Avanzamos un pouco e xa divisamos os primeiros picos.


O día estaba con bastante brétema, pero isto ía darlle un toque diferente, dando a sensación de que se trataba de montes máis altos. Non fixo falta subir moito para contemplar o mar de nubes (ou brétemas, neste caso).


Seguimos ascendendo ata o Alto das Cortes, onde podemos admirar a orografía do terreo, tan diferente ao que atopamos por aquí. Ah! E as vistas: suponse que debaixo de toda esa brétema está a praia de Carnota, a máis longa de Galicia.


- Eeemmmm... Pois non a vexo.
- Espera que miro eu, ten que estar aí!


Co sol mallando en nós, moita pateada, moita costa, moitas paradas para beber, para mollar a gorra, para comer... Chegamos ao cume: A Moa do Pindo!
Ultimamente temos un pouco de mala sorte (ou será pola época do ano), pero ao redor do vértice xeodésico había unha man de insectos polo que, coma na cima do Castelo de Vitres, apenas puidemos parar. Así que as fotos, ao lonxe.


A 627 metros ao pé do mar, as vistas son espectaculares: en días claros pódese ver Fisterra por un lado, o Monte Louro polo outro... Desta o que vimos foi algo ben distinto, pero con moito encanto tamén.


E tocaba baixar. Para iso, collémolo sendeiro que leva á aldea do Pindo, que abandoaremos ao cabo de medio kilómetro aproximadamente para seguir cara a O Fieiro.
O camiño de baixada pasa preto da Cova da Xoana, unha gruta que atravesa a cima da montaña. O camiño normal para visitala pasa por rodear todo o montículo. Tentamos atallar accedendo á cova dende abaixo trepando un pouco, pero a cousa estaba bastante difícil e desistimos a tres metros do obxectivo.


Xa na parte máis baixa e boscosa, divisamos o Pico Peñafiel. O traxecto de volta fainos subir por el, ata case o seu cume, e non nos puidemos resistir a encaramarnos a súa cima. O camiño de subida é evidente, e non é dificil nin perigoso, pero á baixada si que pode darlle algo de impresión ás persoas con vertixe. É un pico non demasiado coñecido, de altura moi inferior aos do resto do macizo, pero que ten unha forma moi atractiva e unhas vistas impoñentes.



As vistas desde o pico Peñafiel, a 394 metros, coa brétema adentrándose na desembocadura do Xallas.


Adoitamos ir polo Monte Pindo xa que se diferencia bastante do resto de montes galegos, e preguntámonos: Cantas veces hai que voltar para chegar a aburrirte del?

Ningún comentario:

Publicar un comentario