Faiais de Valdediezma e La Llama (Picos de Europa)

Data: 24 de outubro 2015
Lugar: Valdediezma - Macizo de Ándara
Dificultade: Baixa

Hayedo de Valdediezma
Para o noso último día nos Picos de Europa, e logo de dous días de moita pateada, preparamos un roteiro máis light e sinxeloapto para tódolos públicos: Os Faiais de Valdediezma e La Llama en todo o seu esplendor outonal!

Volvemos saír de Jitu Escarandi, descendendo por unha senda de kilómetro e medio aproximadamente: a costa Les Cuerres, que chega a Vega del Tronco. Alí o terreo vólvese chan, por un camiño que non ten pérdida algunha.


Seguindo o camiño, axiña divisamos aló ao fondo a Pica Macondiu, tan impoñente coma os outros días.


As vistas tamén daban moito xogo, e coma sempre tratabamos de adiviñar todo canto tiñamos diante: o canón do río Urdón, a estrada que leva ao pobo de Tresviso, Cuetu Cerréu...


O Macondiú cada vez máis preto, e un sinal que nos indicaba que chegabamos ao Monte de la Llama, que termina no Vao de los Lobos.



Unha vez en Val de Los Lobos, existe a posibilidade de subir ata a base do Macondiú, rodeándoo ata o Casetón de Ándara e dende alí, colle-la pista que leva ata Jitu Escarandi, facendo así unha ruta circular. Pero iso supoñía percorrer demasiados kilómetros e moito desnivel para o que me pedía o corpo, así que decidimos dar volta.



Era época de plena caída da folla, e en canto se levantaba un pouco de aire, moreas de follas das faias caían sobre nós. E había que pintar o parvo un pouco...




Un agradable paseo, moi cómodo e fácil de seguir. Ademais, creo que non puidemos vir en mellor época, cos bosques moi outonais.

Ningún comentario:

Publicar un comentario