Pico San Carlos ou Sagrado Corazón (2.214 m) - Picos de Europa

Data: 22 de outubro 2015
Lugar: Macizo Oriental de Picos de Europa
Lonxitude: 14,6 km
Desnivel acumulado: 992 m
Dificultade: Media
Track: Wikiloc

Atravesando as Vegas de Ándara
Segundo día en Picos de Europa. Volvemos ao macizo de Ándara para ascender un cumio sinxelo pero con moito ambiente: O pico San Carlos, un dousmil con moita tradición na zona.

Partimos de Jitu Escalandi, lugar onde arrancan varias rutas que percorren o macizo de Ándara. Dende alí, a unha altura de 1291 metros, temos tamén unha boa vista do macizo central.
Nese momento aínda non tiñamos decidido o noso obxectivo: Pico Boru, Macondiú, Pozo de Ándara... As posibilidades eran moitas, así que tomámo-lo camiño que leva ao Casetón de Ándara e xa iríamos vendo.


O Casetón de Ándara é un refuxio que se atopa ao pé do pico Macondiú e ao carón dunhas antigas minas. Alí, xa a 1725 metros, aproveitamos para petiscar algo e decidir por onde ir.


Bordeamos o Macondiú, parando de cando en vez a mirar o mapa, tratando de poñerlle nome a cada montaña que tiñamos diante (un vicio noso).


Chegamos ás Vegas de Ándara, onde a paisaxe non perdía o seu carácter pedregoso.


Alí atopamos a fonte de Odriozola, onde puidemos refrescarnos un pouquiño, que o sol de outubro empezaba a mallar.


Logo dunha boa subida, alcanzamos o collado de San Carlos, a 2.052 metros. O canal que se mostraba ante nós metía respecto: un tropezón e aparecemos en San Vicente de la Barquera!


Á nosa esquerda tiñamos o Pico Samelar, 2.236 metros. Á dereita, o San Carlos, 2.212 metros. Pito, pito, gorgorito, escollémo-lo segundo.
Xa no Pico San Carlos, tamén chamado Sagrado Corazón, e coa Cordilleira Cantábrica ante nós.


Durante a baixada, que fixemos polo mesmo lugar, a Anxo tentoulle subir ao Macondiú pero, finalmente, desistiu xa que o cansazo (o meu, non o del) era importante.


Durante os nosos días polos Picos de Europa, non nos cansamos de ver algunha da fauna da zona: gandería nas pradeiras, cabalos nas zonas máis altas... Iso si, quedámonos cas ganas de atopar algún rebeco.


Bordeando o Macondiú. Non contaba eu con meterlle tal pateada, déixome liar...


Roteiro medio improvisado pero que nos deixou moi bo sabor de boca, claro que é difícil que non sexa así nos Picos de Europa.
Aclarar que os tracks de wikiloc dos roteiros destes días non son nosos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario