Refugio Vega de Urriellu (Picos de Europa)

Data: 23 de outubro 2015
Lugar: Macizo Central - Picos de Europa
Lonxitude: 13 km
Desnivel acumulado: 930 m
Dificultade: Moderada
Track: Wikiloc

O Urriellu desde Collado Pandébano
Un roteiro clásico dos Picos de Europa, e con moita razón: o que sube desde Collado Pandébano ata o refuxio do mítico Picu Urriellu. Un pico tan impoñente que só achegarse ata el xa é abondo.

Todo comeza en Collado Pandébano, un lugar xa espectacular de por si: vistas do Pico Urriellu, o Neverón, os Albos... E se ademais lle engadimos poder ver amencer dende alí, o resultado é extraordinario.
(Ok Anxo, recoñezo que o madrugón valeu pena!).
Dende alí collemos camiño cara o Urriellu. O certo é que empecei sen moitas esperanzas de chegar ata o refuxio, porque tiña as pernas rotísimas do día anterior, pero fomos tirando a ver ata onde aguantaba.


Desde logo, as vistas recompensaban o esforzo e animaban a seguir: impoñentes canais, inmensos vais, montañóns con paredes cortadas... Un pasote, vamos.


 Contra a parte final empezouse a poñer algo serio o asunto, cun tramo final moi empinado, que nos fai tomar varios zig zag (nin me animei a contalos), nunha zona bastante pedregosa.
Foi nesta parte do camiño onde atopamos coa mula que sirve ao refuxio. Doume bastante peniña a verdade, aínda que Anxo dixo que seguro que o levaba mellor ca min.


 E así, pouco a pouco, sen présas, chegamos ao obxectivo: o refuxio Vega de Urriellu! Moito e moi bo ambiente por alí.


E velaí o está, o formidable, monumental e excepcional Picu Urriellu, con 2.518 metros de altura e unha parede de 500 metros, que se di rápido.
Como custa apreciar a súa inmensidade, non parece para tanto ata que ves moverse unha formiguiña polo medio que resulta ser unha persoa escalando...


Se detras do refuxio se levantaba o Urriellu, as vistas cara adiante non teñen nada que envexarlle, co Neverón do Urriellu.


Anxo decidiu explorar máis a zona e achegouse ata a o collado do Jou sin Tierra, onde puido divisar os impresionantes Horcados Rojos. Con esta toponimia, imaxino que iría levar o Anillo Único.


Eu non estaba pola labor e só quería descansar... Na gloria!!


 E tocaba baixar, velaquí un dos zig zags dos que falei antes.


 A baixada ás veces non era tan baixada, e a esas alturas da película calquera chorradiña era un drama para min.


E por fin divisamos Collado Pandébano de novo.


 Simplemente, impresionante.

Ningún comentario:

Publicar un comentario